calixe, sara plaza-baldo ramos
o segundo título da colección "folla de bido" é a primeira parte do intercambio poético entre dúas voces que, por camiños moi diferentes, teñen xa un lugar de relevo na poesía galega contemporánea. Son, ademais, dúas persoas moi queridas para a nosa casa.
Sara Plaza, gañadora do Premio Pérez Parallé en 2020 co vibrante todos os pasos fan ruído leva desde aquela tecendo unha voz medida, contida e fonda que viu luz de forma casual e imprevisíbel en multitude de folliñas voandeiras que chegan decote ás casas das xentes coas que se vai cruzando.
Baldo Ramos é autor dunha xa extensa obra poética que comezou con pequenas edicións de artista de poucos exemplares, que circulaban case de man en man e que comezou a consolidarse no sistema dun xeito máis forte con A árbore da cegueira, Premio de Poesía Concello de Carral en 2001. Desde aquela ten publicado máis de vinte títulos de poesía, ademais de participar en innumerábeis obras colectivas. É autor, ademais, dunha recoñecida obra plástica, tarefa que adoita fusionar coa obra literaria de diversas maneiras.
Baldo e Sara comezaron hai un tempo un frutífero intercambio poético que callou en dous libros que, como din eles mesmos nunha nota neste libro, "naceron dun mesmo impulso creativo e fan parte dun proxecto unitario que fusiona dúas diccións diferentes, aínda que moi próximas, na mesma voz".
fai clic aquí se queres botarlle un ollo ao libro
colección folla de bido
fotografías: Sara Plaza
caligrafía do colofón: Baldo Ramos
ISBN: 978-84-12-72952-8
84 páx.
PVP: 14 €